arriba

 
Blanco

Pastoral


O noso centro entende a Pastoral como unha plataforma para construír unha auténtica comunidade educativa, dende os valores evanxélicos, cunha identidade cristiá e vicenciana que se proxecte nas persoas e nas estruturas do seu entorno.

Mantemos un compromiso activo pola xustiza e polo servizo aos máis empobrecidos e fomentamos o respecto á vida e á natureza desenvolvendo a responsabilidade fronte ao progreso, a ciencia e a tecnoloxía.

Somos ESCOLA EN PASTORAL que promove a formación do alumnado mediante a vivencia dos valores evanxélicos e educando a interioridade e a competencia espiritual como aspectos fundamentais no desenvolvemento integral da persoa.

Traballamos a Pastoral dende todas as áreas, pero dun xeito especial dende: 

A área de Relixión

As titorías co alumnado

As titorías coas familias

A atención á diversidade.

Os grupos de JMV (Juventudes Marianas Vicencianas)

O oratorio de nenos/as (EI e EP)

A colaboración coa Parroquia.


ACTIVIDADES PROGRAMADAS NO CENTRO

Educación en valores:

Cada curso, os centros educativos vicencianos comparten un mesmo obxectivo dirixido a profundizar sobre un valor que se traballa dende todas as materias e, especialmente, nas Xornadas de sensibilización que teñen lugar a principios de curso e nas titorías co alumnado e familias. Este curso 2020-2021, o valor que traballaremos será a RESPONSABILIDADE.

Celebracións/Oracións:

Reflexión diaria ao comezar o día.

Inicio de curso e San Vicente: Reunímonos na capela do colexio para facer oración e celebrar con esperanza e alegría o inicio dun novo curso que nos ofrece a oportunidade de propoñernos obxectivos e ilusións renovados.

Participación activa na campaña do DOMUND: Xornada de sensibilización co alumnado que serve para que se decaten de que todo xesto ou axuda, por pequeña que poida parecer, ten unha gran repercusión na tarefa dos misioneiros. Colaboración coas misións a través dos donativos aportados polas familias.

Festa da Virxe Milagrosa: No mes de novembro celebramos “as nosas festas de familia”: (A Medalla Milagrosa, Santa Catalina Labourée e o aniversario da Fundación da Compañía das Fillas da Caridade). Para iso, facemos oración semanal específica nos oratorios e na capela do colexio, respectando os grupos estables de convivencia.
Elaboración dun calendario de Advento a través de vídeos curtos gravados polo alumnado, coa finalidade de prepararse para a chegada do Nadal. (https://youtu.be/q986YkqiYaU)

Campaña solidaria: “Almorzo e convido a un amigo de Haití”. Esta actividade consiste en tomar, ó longo da mañá, un zume e un bolo de leite a cambio de 1 €. Todo o recadado, destínase a proxectos de axuda a nenos e nenas de centros xestionados polas Fillas da Caridade en Haití.

Operación Quilo: Colaboración coa campaña organizada por Cáritas Parroquial, constituíndonos en punto de recollida de alimentos destinados ás familias máis necesitadas da nosa contorna.

Día Escolar da Paz e da Non Violencia: Unha educación inspirada na cultura da non violencia e da paz, permite ó noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.As actividades para esta celebración prepáranse desde o equipo de convivencia.

Celebración da Xornada Mundial de Manos Unidas: “Contaxia solidariedade para acabar coa fame”. O diñeiro recadado destinarémolo ó proxecto que Manos Unidas ten en Madhya Pradesh (India); trátase de mellorar as medidas educativas e sanitarias da poboación marxinal e está dirixido ós colectivos máis vulnerables: mulleres, nenos e rapaces.

Gotas para Níxer: Somos centro amigo de UNICEF e entre outras celebracións organizamos, desde o equipo de medio ambiente, en datas ó redor do día da auga, unha carreira solidaria na que as familias pagan ó alumnado por correr e o recadado serve para que UNICEF impulse proxectos de auga, hixiene e saneamento en escolas de países pobres.


Santa Luisa de Marillac: Como cofundadora, xunto con San Vicente de Paúl das Fillas da Caridade, merece unha conmemoración especial no noso centro; por tanto, realizamos co alumnado a catequese e a celebración para facer memoria dunha muller precursora da acción social e da caridade intelixente.

Celebración mariana: Durante o mes de maio, propóñemomos acercarnos a María como compañeira do noso camiño, e por iso, o alumnado acompañado polos profesores, acode á capela para facer oración e peticións á Virxe.

Beca de estudos para unha “afillada” en Guinea Ecuatorial (6º EP): O equipo de medio ambiente ten especial interese en promocionar a reciclaxe polo que o día da festa de fin de curso véndese xabrón que foi elaborado polo alumnado reciclando aceite usado para fritir nas casas. O recadado emprégase para pagar os estudos a unha alumna en Nicomeseng e facer deste planeta un lugar un pouco mellor.

Celebración Fin de Curso: Congregación da Comunidade Educativa para celebrar un evento especial a través da Eucaristía que significa “acción de gracias”; agradecemos todo o recibido durante o curso e temos presente especialmente ó alumnado de 4º da ESO que remata a súa andadura entre nós, desexándolles que a nova etapa que comezan a afronten con valentía e sabedoría. Ademais da Eucaristía realízanse multitude de actividades nas que a convivencia, a solidariedade e a alegría, están moi presentes.

Oratorio de nenos/as (1º a 6º) (durante todo o curso): é un proxecto que trata de ser unha
experiencia donde o neno aprende pouco a pouco a necesidade do silencio, a escoita e o diálogo como actitudes para abrirse a un mesmo e ós demais.

JMV (durante todo o curso): é unha Asociación internacional, cuxo obxectivo é o compromiso na construción dunha sociedade máis xusta vivindo o servizo ós pobres.

Actividades co profesorado: Ademais dunha formación permanente que nos axude a mellorar a nosa competencia espiritual levamos a cabo celebracións ó principio e o final do curso así como no Advento e na coresma como preparación ós tempos fortes da liturxia.