arriba

 
Blanco
PortadaseparatorProxectoseparatorMetodoloxías

Metodoloxías

Desde o colexio Sagrado Corazón pretendemos conseguir unha maior motivación no noso alumnado, que traballen con interese e ilusión e que consigan aprendizaxes significativas, para iso aplicamos distintas metodoloxías. Formamos así o pensamento crítico, a capacidade de análise, as habilidades comunicativas e a responsabilidade, ademais de fomentar valores e habilidades sociais que contribúan ao desenvolvemento integral. Todo isto atendendo sempre á diversidade do noso alumnado, e o seu proceso madurativo, traballando as competencias básicas e as intelixencias múltiples dentro do desenvolvemento dos nosos valores cristiáns-vicencianos.



Traballo por recunchos.
Esta metodoloxía emprégase principalmente en educación infantil. Os recunchos son uns espazos delimitados na clase, nos que o alumnado traballa de maneira individual ou en pequenos grupos de forma simultánea en diferentes actividades de aprendizaxe. Permite dar cobertura ás diferenzas, intereses e ritmos de aprendizaxe de cada neno ou nena.



Aprendizaxe cooperativa.
Esta aprendizaxe está sendo levada á práctica, en todos os niveis, mediante técnicas de traballo en equipo, con roles asignados aos seus membros, uns tempos establecidos e unhas pautas de organización para desenvolver unha tarefa ou actividade.

A aprendizaxe cooperativa axuda a atender a diversidade dos alumnos, segundo os seus distintos ritmos e estilos de aprendizaxe; xa que logo, é accesible e beneficioso para todos, con independencia das súas diferenzas. Trátase dunha forma de traballar que desenvolve nos alumnos o liderado, a xestión de equipos, a resolución creativa de problemas, a expresión oral así como a capacidade de comprender, seleccionar e organizar da información de xeito adecuado.



Aprendizaxe Baseada en Proxectos ( ABP)
É unha metodoloxía de aprendizaxe na que os estudantes adquiren un rol activo que se emprega en calquera das etapas educativas. O método consiste na realización dun proxecto en grupo no que se unen varias materias para traballar un tema común durante o mesmo período de tempo, e aínda que cada docente traballará os seus contidos coas súas actividades, entre todos elaborarán o produto final. No ABP, o alumnado pode participar, falar e dar a súa opinión mentres que o profesorado adquire un rol menos activo axudando a lograr un consenso e orientar o desenvolvemento do proxecto do alumnado. A través desta metodoloxía, que favorece a motivación académica, o alumnado non só memoriza ou recolle información, senón que aprende facendo.

A materia de Tecnoloxía na ESO desenvolve o traballo práctico polo Método de proxectos aplicando os coñecementos e habilidades en pequenas experiencias co fin de resolver un problema técnico, ou necesidade, agudizando así a observación, o enxeño e o traballo en equipo.



Método ABN (Método do Algoritmo Baseado en Números)
O método, creado polo profesor e filósofo español Jaime Martínez Montero, céntrase na aprendizaxe das matemáticas a través de recursos didácticos e manipulables. Esta metodoloxía propón fomentar o cálculo mental nos nenos mediante o uso de obxectos cotiáns, como escarvadentes, botóns, pinzas de roupa ou similares, que desenvolvan a súa creatividade e pensamento lóxico. O método ABN cómezase a utilizar a partir dos tres anos co obxectivo de estimular a aprendizaxe aberta, libre e espontánea dos nenos/as. Fomenta a creatividade infantil e permite adaptar o proceso de aprendizaxe ao ritmo de cada alumno/a, potencia o pensamento lóxico matemático e abstracto, á vez que lles permite comprender que son en realidade os números e que lugar teñen na súa vida cotiá.

Aprendizaxe-Servizo (APS)
É unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e servizo nun único proxecto, no que os participantes fórmanse ó involucrarse en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala, desenvolvendo un proxecto solidario que pon en xogo coñecementos, habilidades, actitudes e valores. Á aprendizaxe formativa úneselle outro elemento fundamental: o compromiso social, facendo realidade o lema “Saber máis para servir mellor”