Educación primaria
A Educación Primaria, realízase entre os 6 e os 12 anos e a súa finalidade é promover a socialización, a incorporación da cultura e o desenvolvemento da autonomía.
O noso compromiso cos alumnos e as súas familias é ofrecer unha formación integral, axudándoos a recoñecer en si mesmos as súas fortalezas e ensinándolles a xestionar os retos do futuro. Para iso fomentamos a cultura do traballo, potenciando o dominio dos idiomas e inculcándolles unha educación en valores que contribúa tanto ao seu desenvolvemento humano, como académico.
Os principios que orientan a nosa práctica educativa son os seguintes:
Uso dunha metodoloxía activa que fomente unha integración do alumnado na dinámica xeral da aula e a adquisición das aprendizaxes. Motivamos ó alumnado partindo dos seus intereses e necesidades para conseguir persoas autónomas na aprendizaxe e capaces de cooperar no traballo en grupo.
Atención á diversidade do alumnado. A nosa intervención educativa asume, como un dos seus principios básicos, ter en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, así como os seus intereses e motivacións.
Sensibilidade pola educación en valores. O progresivo acceso a formas de conduta máis autónomas e a crecente socialización dos alumnos fai obrigada a educación en valores. Esta contémplase na presentación explícita de actividades que conducen á adopción de actitudes positivas sobre o coidado do propio corpo, a conservación da natureza, a convivencia…
Proxección do carácter propio, facemos presente a Boa Nova do Evanxeo a todos, tendo en conta unha atención preferente polos máis necesitados; por iso potenciamos as actividades en colaboración con ONG (Cáritas, UNICEF, Mans Unidas…). O alumnado acode periodicamente ao Oratorio, tendo un momento de encontro con Xesús e de Interioridade.
Estreita colaboración e comunicación coas familias, levando a cabo un seguimento individualizado do alumnado a través de diferentes vías, tanto presenciais como telemáticas a través da nosa plataforma educativa, correo electrónico , redes sociais etc.
Impulso das TIC. Empregamos diversas ferramentas tecnolóxicas: Snappet (en tablets, matemáticas e inglés), robótica (para introducir ao alumnado nas linguaxes de programación), TATUM (lectura en soporte dixital), E-Dixgal (libro dixital individual proporcionado pola Xunta)
Aposta polo plurilingüísmo. Nesta etapa empregamos tres idiomas, castelán e galego como linguas propias e inglés como primeira lingua estranxeira. Ademais de impartir a materia de plástica en inglés contamos coa axuda dunha auxiliar de conversa nativa para mellorar a súa competencia activa nesta lingua.