Educación infantil
No Colexio Sagrado Corazón de Jesús ofrecemos a posibilidade de cursar o segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos), con dúas aulas para cada nivel.
O alumnado inicia unha nova etapa de escolarización que contribuirá ó seu desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual.
Cada neno/a é un ser único, con características propias e un ritmo de evolución que pode ser moi diferente do dos seus compañeiros/as da súa idade. Con todo, hai uns aspectos evolutivos, que habitualmente comparten, e que desde o colexio tratamos de desenvolver:
-O coñecemento do corpo
- A coordinación motora, tanto grosa como fina
- A autonomía persoal
- A construción da propia identidade
- O proceso de socialización
- A dimensión cognitiva
- A linguaxe, tanto comprensiva como expresiva
A nosa metodoloxía de traballo, sempre flexible e aberta, busca desenvolver valores e hábitos para a vida, favorecendo e fomentando a observación e experimentación, a iniciativa propia e a creatividade.
Por iso:
Estimulamos a súa curiosidade. A través dos proxectos de traballo, actividades, obradoiros... partindo de experiencias que nazan dos seus intereses, buscamos contribuír a que o alumnado descubra e coñeza o mundo que o rodea.
Fomentamos a lectura. Porque mellora a súa competencia lingüística, desenvolve a capacidade de concentración e a memoria, enriquece o vocabulario e activa a imaxinación do alumnado.
Aprendemos cooperando. Traballamos as habilidades socio-emocionais para que os nenos/as adquiran pautas de convivencia e relación social e, desenvolvan as súas capacidades afectivas.
Vivimos nun plurilingüísmo cordial. Ademais de utilizar a dúas linguas oficiais da nosa Comunidade Autónoma o alumnado de EI conta con sesións diarias de achegamento á lingua inglesa, coa axuda dunha mestra especialista e unha auxiliar nativa, xa que somos conscientes dos beneficios de familiarizarse cunha nova lingua desde idades moi temperás.
Apostamos polas TIC. Procuramos que o noso alumnado se achegue á tecnoloxía dende o inicio da súa escolarización no Centro. As TIC son unha ferramenta pedagóxica moi importante porque permiten innovar e dinamizar o proceso de aprendizaxe co uso do ordenador, o encerado dixital, e a robótica.
Espertamos a dimensión espiritual a través da interioridade. No noso labor docente sempre está presente a educación en valores (solidariedade, verdade, respecto…) Traballamos a conciencia corporal e emocional, a relación co outro desde a empatía e a sensibilidade cara ó sagrado; facilitamos así unha vivencia persoal de fe cristiá, con Xesús como modelo a seguir.