Quen somos
A Compañía das Fillas da Caridade é unha Comunidade internacional fundada o 29 de novembro de 1633 por Vicente de Paúl e Luisa de Marillac. A casa nai da congregación atópase en París, Francia. Actualmente a nosa Comunidade relixiosa está presente en 94 países.
Ámbitos de actuación:
• Educación
• Fogares Infantís
• Obra Social
• Anciáns
• Pastoral
• Sanidade
Recoñecemento ao seu labor:
En 1986, a concesión e entrega da distinción de "Sembradoras" ás Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl, que chegaron a Manzanares para facerse cargo do Asilo e Casa de Caridade un 5 de outubro de 1915.
En 1998, a Generalitat de Cataluña condecora coa Creu de Sant Jordi ás Fillas da Caridade.
En 2005, as Fillas da Caridade reciben o premio Príncipe de Asturias da Concordia pola “ súa excepcional tarefa social e humanitaria en apoio dos desfavorecidos, desenvolvida de xeito exemplar durante case catro séculos, e pola súa promoción, en todo o mundo dos valores da xustiza, a paz e a solidariedade".
As Fillas da Caridade reciben o premio Príncipe de Asturias da Concordia (2005).
Fundadores
Santa Luisa de Marillac, nacida o ano 1591, no seo dunha familia nobre, quedou orfa de nai a unha idade moi temperá. O seu pai proporcionoulle unha amplísima formación en todas as ramas do saber. Era tamén sumamente piadosa e exemplar.
Casou co Señor Le Gras e desta unión naceu un fillo. Ao quedar viúva decide entregar a súa vida a Deus, pero a súa inquietude crece cando coñece a Francisco de Sales e Vicente de Paúl. O seu encontro con Vicente pona en contacto coas primeiras obras de servizo aos pobres que Vicente estaba organizando entón en París.
Aos poucos Santa Luisa dinamiza con San Vicente a Obra Social de París. Alí, en 1633, nacen as Fillas da Caridade, da que Santa Luisa será non só cofundadora con San Vicente senón a animadora espiritual desta nova compañía.
Vicente de Paúl, nace o 24 de abril de 1581 en Pouy (Pireneos franceses). Aínda que recibiu as ordes sagradas o 23 de setembro de 1600 na súa Aquitania natal, en Château-l´Evêque, este comeza por exercer o ministerio parroquial en París, onde posteriormente asumiría unha capelanía doméstica para a familia Gondi. Alí acabará instituíndo a Congregación da Misión, destinada ao alivio dos pobres como tamén á formación do clero.
Coa axuda de Luisa de Marillac fundou a Compañía das Fillas da Caridade, irmás entregadas ao servizo dos pobres: enfermos, marxinados, nenos, novos, anciáns… Tras unha vida de entrega, velando polos máis desfavorecidos, San Vicente falece o 27 de setembro do ano 1660. O 13 de agosto de 1729 é beatificado e o 16 de xuño de 1737 é canonizado. O Papa León XIII declárao Patrón Universal das obras caritativas.